O Concello de Santiago de Compostela presenta o seu Plan Marco de Reactivación Económica e de Emprego

Compartir

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo presentou o Plan Marco de Reactivación Económica Compostela 2020, para paliar os efectos da crise sanitaria global provocada pola COVID19″. A previsión económica inicial é de máis de 5 millóns de euros, e contempla medidas de estímulo de crecemento e fomento da competitividade da economía local dirixidas á industria e demais sectores produtivos, ao comercio, a hostalería e ao emprego. Trátase dun plan deseñado para favorecer a dinamización económica do municipio unha vez remate o periodo de confinamento, que incide, sobre todo, nos colectivos especialmente castigados por esta crise sanitaria, socioeconómica e laboral: persoas autónomas, PEMES e a poboación desempregada.

O alcalde lembrou que a estas medidas vanse sumar as que están deseñando as concellarías de Turismo e de Acción Cultural, que se presentarán nun futuro próximo. Adiantou que se está completando o plan en materia turística, destacando que se trata dun sector moi importante para Santiago, “porque emprega a miles de traballadores e porque supón, prácticamente, o 20% do PIB da nosa cidade”.

Os seis eixos estratéxicos son: axudas directas a comerciantes, hostalería, persoas autónomas e microempresas; apoio específico ao sector do comercio; reforzo da política de fomento da actividade económica e apoio ás novas persoas emprendedoras; contratación directa de persoas desempregadas para a realización de obras e servizos de interese social; mellora do mercado de traballo local; cualificación e inserción profesional; e medidas fiscais.

Dos cinco millóns de euros contemplados no plan, algo máis de 2.000.000 de euros están destinados á contratación de persoas desempregadas, 1.350.000 euros a axudas directas ás empresas; case 830.000 euros a dinamización económica, máis de 500.000 euros á dinamización comercial, e outros 300.000 á mellora do mercado laboral.