O Concello de Santiago presenta a maior oferta de formación online con 1.500 prazas en máis de 100 cursos

Compartir

O Concello de Santiago de Compostela lanza a súa maior oferta formativa online dos últimos anos para mitigar os efectos da crise sanitaria global, pondo ao dispor de todos/as os/as habitantes maiores de 16 anos, censados na capital galega, na busca de emprego e ocupados, 1.500 prazas en máis de 100 cursos online de múltiples áreas profesionais. Eses cursos enmárcanse no programa Talentia Summit´20 e están dentro do Plan para a reactivación económica posto en marcha polo Goberno municipal. A inscrición está aberta desde hoxe.

“Continúa coa túa formación ao máis alto nivel, inviste o teu tempo durante esta corentena no maior valor para o teu futuro profesional. Agora, máis que nunca, inviste no teu talento”.
Estes son as lemas da oferta de cursos presentada este mércores polo alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, quen estivo acompañado na conferencia de prensa polo técnico municipal responsable de Emprego, Xavier Ferreiro. O rexedor animou á cidadanía a participar nestes cursos e a que “aproveiten esta oportunidade para mellorar a súa formación”. Neste sentido, indicou que “despois da crise, haberá grandes cambios, que pasarán pola innovación e as novas tecnoloxías, e debemos aproveitar para situarnos neste novo escenario económico”.

Reactivación económica e protección do emprego

Debido ás circunstancias actuais de illamento social provocadas polo coronavirus (COVID-19), desde o Concello de Santiago temos o compromiso de frear a curva. O obxectivo é que durante o tempo que dure o confinamento nas nosas casas, as persoas que queiran aproveitar estes días para estudar e formarse de modo autónomo e gratuíto, atopen nesta ampla lista de cursos as actividades que máis se adapten ás súas necesidades.
Para que o conxunto da cidadanía poida afrontar o estado de alarma con garantías suficientes, minimizar o impacto da crise e garantir a senda da recuperación, o Concello de Santiago, do mesmo xeito que o resto das administracións públicas, presenta un conxunto de medidas para a reactivación económica e protexer o emprego.

Entre elas, este plan de formación online, que pretende abrir novas oportunidades para a recualificación profesional, para adaptarse ás necesidades cambiantes do mercado de traballo e reforzar a capacidade de recolocación das persoas demandantes de emprego entre sectores. Así, o técnico responsable de Emprego, Xavier Ferreiro, definiu este programa como “ambicioso” e reiterou o convite do alcalde á cidadanía para realizar algún destes cursos online.

Hoxe ábrese a inscrición e, tras uns días para a verificación de solicitudes, espérase que o luns xa estean todas as plataformas formativas funcionando. Tal como indicou, Xavier Ferreiro, a confirmación da reserva da praza xa outorgará acceso á plataforma.

Requirimentos

Os únicos requirimentos para ter acceso a esta formación son: ter como mínimo 16 anos de idade e estar rexistrado/a no Padrón Municipal de Habitantes de Santiago. Os cursos online están dirixidos a: persoas desempregadas, persoas traballadoras en ERTE, persoas empregadas en PEMES e persoas autónomas.

Os cursos son totalmente gratuítos, xa que están financiados polo Concello de Santiago. Cada persoa poderá realizar un curso online ao mesmo tempo, e cando o final, poderá realizar outro deséxallo, ata que se finalicen as prazas. A oferta componse de 100 cursos online de diferentes áreas profesionais, cun total de 1.500 prazas dispoñibles. Serán 4.700 horas de formación.

Os/as participantes terán acceso ao material mediante unha plataforma de formación online dispoñible as 24 horas do día todos os días da semana. Tamén disporán dunha tutoria durante o horario laboral para a xestión de incidentes e control da progresión formativa. Recibirán un diploma acreditativo oficial ao completar satisfactoriamente o itinerario formativo.

Toda a información e solicitudes de inscrición na páxina web do Talentia Summit´20.